O actor de Cobra Kai Xolo Maridueña, de 20 anos de idade, está en conversas para se facer co papel protagonista de Jaime Reyes no filme Blue Beetle que están a preparar a HBO Max, a Warner Bros. e a DC Films.
O proxecto será o primeiro filme da DC que conte cun superheroe latino, aínda que a compañía xa incorporara anteriormente a diversos persoaxes de orixe latinoamericana, e mesmo Supergirl e Batgirl serán interpretadas en vindeiros filmes por actrices latinas. Maridueña naceu concretamente en Los Angeles, pero ten ascendéncia mexicana, e na série da Netflix Cobra Kai fai o papel do adolescente Miguel Díaz.
A história está baseada na mais recente versión de 2006 deste superheroe, un rapaz mexicano-americano que descobre semisoterrado nun solar abandoado o escaravello de Blue Beetle mentres regresaba a casa do coléxio canda seus amigos Paco e Brenda.
Curioso, Reyes leva o escaravello á casa, pero esa noite, o artefacto cobra vida e enxérta-se no fío do lombo de Jaime, fornecéndo-lle unha armadura extraterrestre que pode modificar a súa velocidade e a súa forza, así coma crear armas, ás e escudos.
O director portorriqueño Ángel Manuel Soto (Charm City Kings) será o encargado de facer a película a partir dun guión de Gareth Dunnet-Alcocer (Miss Bala, Scarface). O proxecto ten previsto comezar a súa rodaxe a primeiros do ano que ven.