Un vampiro regordecho para a Syfy

601

Jacob Batalon (Ned Leeds en Spider-Man: Far From Home) será o protagonista de Reginald the Vampire, unha nova série que prepara a canle Syfy baseada na saga de novelas Fat Vampire do escritor Johnny B. Truant. A série, que conta co produtor e guionista Harley Peyton (Twin Peaks, Chucky), recibiu xa o encargo para facer dez episódios.

Con guións de Peyton, quen será ademais o showrunner, Reginald the Vampire está ambientada nun mundo povoado por fermosos, vaidosos e musculosos vampiros. Reginald Baskin (Batalon) é un improbábel heroe que terá que sortear toda caste de obstáculos: a rapaza á que ama pero coa que non pode estar, un xefe abusivo no traballo, e o líder dos vampiros que o quere morto. Afortunadamente, Reginald descubre que ten algúns poderes de seu non recoñecidos. Segundo a SyFy, a série ten “moito corazón e sangue abondo“, e amosa que a vida dos non-mortos é tan complicada coma a nosa.

O director Jeremiah Chechik será o produtor executivo xunto a Peyton, Todd Berger e Lindsay Macadm. Julie DiCresce será a co-produtora executiva.