Proyas anúncia unha série de Dark City

1029

O realizador australiano Alex Proyas ven de estrear Mask of the Evil Apparition, unha curtametraxe de 21 minutos ambientada no mesmo mundo do seu clásico filme de ciéncia-ficción de 1998 Dark City.

Até o 19 de agosto a curta estará dispoñíbel en diversos servizos de vídeo baixo demanda. O seu argumento xira ao redor dunha rapaza sen memória que busca nunha cidade nocturna e deserta, e atopa a dous irmáns xemelgos que lle advirten que “Os Misteriosos” están a busca-la.

E aproveitando a oportunidade, Proyas someteu-se a unha sesión de preguntas e respostas cos fans, no decurso da cal revelou que está a desenvolver unha série de televisión baseada na súa franquía: “Dark City é unha película moi interesante para min porque estamos a desenvolver unha série, unha série de Dark City… na que estamos nas primeiras fases, pero teño que volver analiza-la para construír unha nova história. Tiven que volver atrás e refrescar a miña memória do que realmente fixemos e o que coido que funcionou e o que coido que non funcionou e reavaliar a miña própia película, así que foi unha experiéncia moi interesante que non fixera antes“.

Rufus Sewell, Kiefer Sutherland, Jennifer Connelly e William Hurt protagonizaron o filme orixinal de cinema negro de ciéncia-ficción que foi estreado en 1998 e que logo foi mellorado cunha nova versión, o “curte do director”, en 2008.