Case tres anos despois de que se fixera cos dereitos e decidira facer unha série de televisión, a Netflix ven de anunciar o elenco principal da súa adaptación con acción real da clásica série de debuxos animados da Nickelodeon Avatar: The Last Airbender.
Gordon Cormier (The Stand) será o seu principal protagonista, no papel de Aang, o prodixioso neno de 12 anos que pode controlar o aire e que é o Avatar, o mestre dos catro elementos e gardián do equilíbrio e a paz no mundo.
Kiawentiio (Rutherford Falls) interpretará a Katara, unha rapaza de 14 anos que pode controlar o auga, determinada e esperanzada mália ter soportado unha grande traxédia persoal. Ian Ousley (Physical) é o seu irmán de 16 anos Sokka, un rapaz con moitos recursos, que se amosa seguro de si mesmo e que se toma en sério a súa responsabilidade coma líder da tribo.
E finalmente, Dallas Liu (Tekken, Shang-Chi) é Zuko, un habilidoso controlador do lume e ao mesmo tempo príncipe herdeiro da Nación do Fogo, actualmente percorrendo o mundo coma exiliado.
Albert Kim (Sleepy Hollow, Nikita) será o showrunner da série, guionista principal e produtor executivo xunto a Dan Lin, Lindsey Liberatore e Michael Goi.
A directora Roseanne Liang encargará-se da realización, xunto a Goi e a Jabbar Raisani.