Un cómico para Spawn

732

O actor, comediante e guionista Brian Tucker ven de recibir o encargo de escribir o guión da longamente agardada nova adaptación ao cinema do clásico cómic Spawn de Todd McFarlane para a Blumhouse Productions.

McFarlane escribiu o guión orixinal, que atraeu a actores coma Jamie Foxx para o papel de Spawn e a Jeremy Renner coma o detective Twitch, pero iso foi hai xa vários anos e agora mesmo non está nada claro que ambos estean aínda vencellados ao proxecto. Unha vez o novo guión estea rematado, os actores poderían volver a recibir algunha oferta.

O cómic vai sobre un axente de operacións encubertas que morre en acción e é enviado para o inferno, onde fai un acordo cun demo para regresar á Terra, pero coa forma dun monstro sobrenatural. No entanto, pasaron cinco anos e a súa muller continuou coa súa vida. A propiedade fora adaptada previamente nun filme con acción real de 1997 que foi considerado daquela coma a peor adaptación ao cinema dun superheroe, e logo nunha aclamada série de debuxos animados da HBO.

McFarlane continúa vencellado coma director da nova versión, e será o produtor xunto a Jason Blum.