Constrúe-o, e eles virán para a tele

1213

O produtor e guionista Mike Schur ven de recibir o encargo da Peacock de adaptar a unha série de televisión o clásico filme de 1989 Field of Dreams, que protagonizou Kevin Costner no papel dun granxeiro e fan do béisbol.

Schur, quen até agora contaba cunha experiéncia cinguida principalmente a séries cómicas coma The Office ou Parks and Recreation, escribirá o guión e será o produtor executivo xunto a Lawrence Gordon, David Miner e Morgan Sackett, da Fremulon e a Universal Television.

A série planea ser unha nova versión dunha longametraxe que no seu tempo foi nominada a tres Oscars e mesturaba família, béisbol e fantasía dun xeito que daquela os críticos quixeron ver coma alegórica, pero que ía moito mais aló diso. É ademais o segundo proxecto que en poucas semanas é anunciado ao redor dun filme de Costner, após de que Waterworld recibise tamén o encargo de pasar á tele.

A película estaba baseada na novela Shoeless Joe de 1982 de W.P. Kinsella sobre Joe Jackson, un xogador dos Chicago White Sox que foi expulsado da liga en 1919 por participar nun escándalo de xogo ilegal. Amy Madigan, James Earl Jones, Ray Liotta e Burt Lancaster foron os seus coprotagonistas xunto a Costner.

As novas chegan curiosamente despois de que a liga americana de béisbol máis salientábel, a Major League Baseball, construíra un estádio no mesmo lugar de Iowa onde se rodou a película e celebrara un partido entre os White Sox e os New York Yankees, no que Costner apareceu para lanzar a bóla inicial.