O lendário realizador americano Joe Dante será o convidado de honra da 49 edición de Curtas Festival do Imaxinário de Vilagarcía de Arousa, onde no decurso da súa primeira visita a Galiza recollerá o galardón honorífico na gala de clausura do festival, o sábado 30 de outubro, en recoñecemento á súa enorme contribución ao xénero fantástico.
Nado en 1946 en Morristown, New Jersey, Dante comezou a súa carreira como editor do produtor Roger Corman, até que deu o salto á dirección con Hollywood Boulevard (1976), filme que co-dirixiu canda Allan Arkush. En 1978 debutou en solitário con Piranha, escrita por John Sayles, co que volveu colaborar en The Howling.
En 1983 comezou unha exitosa colaboración con Steven Spielberg coma produtor, dirixindo ún dos segmentos da adaptación cinematográfica da série The Twilight Zone. Esta colaboración continuou cos seus tres meirandes éxitos: Gremlins (1984), a súa secuela Gremlins 2 (1990) e Innerspace (1987). Ademais, na súa filmografía constan títulos coma Explorers (1985), The ‘Burbs (1989), Matinee (1993), Small Soldiers (1998), The Hole (2009) e a comédia de zombis Burying the Ex (2014).
Como parte da homenaxe, Curtas Festival do Imaxinário acollerá un encontro co realizador e mais unha retrospectiva con vários dos seus filmes, así coma unha exposición con reproducións de vários sets a tamaño real, pezas orixinais de Gremlins, que se complementará coa homenaxe de varios ilustradores internacionais á película.
Mentres tanto, entre os filmes a concurso xa confirmados cómpre ir salientando The Spine of Night, filme de animación ultraviolento dirixido por Philip Gelatt e Morgan Galen King, que nos traslada a unha terra de fantasía na que coñeceremos a loita de heroes de diferentes épocas contra unha poderosa forza maligna; Son, escrita e dirixida por Ivan Kavanagh, na que unha nai chegará até o límite para protexer ao seu fillo dunha perigosa seita; e a história de maldicións familiares de The Accursed, de Kathryn Michelle e Elizabeta Vidovic.
A ritmo de black metal, e após do seu paso polo Festival de Sitges, o realizador galego Javi Camino amosará-nos o terror rural en Jacinto; e dende Taiwan chegará The Sadness, o debut de Rob Jabbaz, cuxa estrea mundial ven de ter lugar no Festival de Locarno.
A 49 edición de Curtas Festival do Imaxinário conta co apóio do Concello de Vilagarcía de Arousa e mais a Deputación de Pontevedra, e o patrocínio de Cafés Candelas, Gadis e Planet Horror.