Tsang dirixe os Tres Corpos da Netflix

107

O realizador de Hong Kong Derek Tsang, nominado a un Oscar co filme de crimes Better Days en 2019, dirixirá o primeiro episódio da nova e cobizosa série de ciéncia-ficción épica da Netflix Three-Body Problem.

O proxecto está baseado na triloxía Sān Tǐ do escritor chinés Liu Cixin, que narra a história do que acontece cando a humanidade descubre que non está soa no universo e se prepara para a chegada dunha forza alieníxena dende un mundo afastado e inhospitalário.

Os produtores e guionistas David Benioff e Dan Weiss, responsábeis da série Game of Thrones, serán os showrunners xunto ao seu co-creador, guionista e produtor executivo Alexander Woo (The Terror: Infamy). Rian Johnson e Rosamund Pike estarán tamén entre os produtores executivos, un grupo do que tamén forma parte a Plan B Entertainment, a compañía de Brad Pitt.

Polo de agora non se anunciou o elenco de actores deste proxecto, e tan só se sabe que a actriz e cantante mexicana Eiza González está en conversas para participar no mesmo.