Os Russo abandoan Magic: The Gathering

103

A adaptación en debuxos animados xerados por computadora que a Netflix está a facer do popular xogo de cartas coleccionábeis Magic: the Gathering da Hasbro ven de atopar unha nova equipa creativa.

O proxecto, que se anunciou en 2019, contaba até agora cos directores de Avengers: Endgame, Joe e Anthony Russo. Nombergantes, tanto eles coma os seus guionistas, Henry Gilroy e José Molina, abandoan o barco de xeito amigábel por mor de diferéncias creativas.

Nombergantes, os Russo estiveron vencellados á transición e axudaron a traer a bordo a Jeff Kline (Transformers: Prime) quen seica liderará agora o proxecto, supervisando a creación de toda a liña do argumento e estendendo as histórias dos Planeswalkers.

Na súa equipa integrarán-se o co-produtor executivo e editor de argumentos Steve Melching (Star Wars: The Clone Wars), ao director de supervisión Audu Paden, o director artístico Izzy Medrano e aos guionistas Nicole Dubuc, Russell Sommer, Dan Frey e Taneka Stotts.

A Entertainment One, empresa filial da Hasbro, representa á compañía na série, mentres que a Snowball Studios encargará-se da animación. A outra grande propiedade da Hasbro, o xogo de rol Dungeons and Dragons, vai contar cunha adaptación ao cinema con acción real protagonizada por Chris Pine. Este proxecto anunciou-se coma oficialmente rematado o venres nun chío do seu director, John Francis Daley.