O Nautilus volverá navigar na Disney

93

A Disney+ anunciou o martes que vai producir unha nova série de dez episódios con acción real baseada na clásica novela de ciéncia-ficción de Jules Verne Vingt mille lieues sous les mers, publicada por primeira vez en 1869.

Co título de Nautilus, a série será producida pola Moonriver TV e mais a Seven Stories e planea ser o relato das orixes do capitán Nemo e mais do seu lendário submarino.

Nesta versión, Nemo, un príncipe índio despoxado do seu dereito de nacemento e da súa família, prisioneiro da Compañía das Índias Orientais e convertido nun home emperrado en se vingar das forzas que lle levaron todo, navega coa súa variada tripulación a bordo do abraiante barco, loitando contra os seus inimigos e descubrindo mundos máxicos baixo o mar.

A série será escrita por James Dormer (Beowulf: Return to the Shieldlands), quen ademais será o produtor executivo xunto a Johanna Devereaux. A rodaxe dará comezo a primeiros de 2022.

A Disney xa adaptara esta novela con anterioridade ao cinema, nun famoso filme de 1954, protagonizado por James Mason e Kirk Douglas.