A actriz nominada ao Oscar Alfre Woodard (Star Trek: First Contact, Annabelle, Luke Cage) ven de se unir ao elenco da longametraxe que adaptará ao cinema a novela ‘Salem’s Lot de Stephen King para a New Line.
‘Salem’s Lot vai sobre o mozo escritor Ben Mears, que cando regresa á súa aldea natal, Jerusalem’s Lot, en procura de inspiración para a súa seguinte novela, descubre que os residentes da vila convertéron-se en lexións de vampiros. A obra, publicada orixinalmente en 1975, foi o primeiro número un dos libros supervendas do New York Times que acadou King e foi citada polo própio autor coma a súa favorita entre todas as súas lendárias novelas de terror.
Woodard interpretará á doutora Cody, que no libro era un home, e axudará a Ben (Lewis Pullman), Susan Norton (Makenzie Leigh) e Matt Burke (Bill Camp) a loitar contra a sinistra ameaza dos vampiros. O outro protagonista principal xa confirmado é Spencer Treat Clark, no papel do enterrador Mike Ryerson.
Roy Lee, James Wan e Michael Clear serán os produtores xunto a Gary Dauberman, quen é ademais o director e guionista.