A Amazon quere unha She-Ra de verdade

1328

Após do éxito da série de debuxos animados na Netflix, os case esquecidos persoaxes da clásica She-Ra: Princess of Power seica recuperaron todo o seu atractivo para a indústria e para os espectadores, e agora é a Amazon a que quere facer outra série, pero desta volta con acción real e actores de carne e óso, incluíndo ademais no combo unha nova liña de xoguetes para os nenos.

A DreamWorks Animation, que produciu as cinco tempadas de She-Ra and the Princesses of Power, a versión que emitiu a Netflix na que se reiniciou a história, será a produtora executiva, pero esta nova série non estará baseada nela nin gardará relación coa mesma.

O proxecto en todo caso está aínda nos seus primeiros chanzos e non hai guionistas vencellados. De continuar adiante, sería a primeira vez que a princesa Adora e mais as súas amigas, creadas para a empresa xogueteira Mattel en 1984, aparezan nunha versión con acción real nas pantallas.

A série orixinal, que produciu a Filmation en 1985, durou só dúas tempadas, aínda que se rodaron case 100 episódios. Pola súa banda, a versión da Netflix abrangue 52 capítulos, que se remataron de emitir en maio do ano pasado cun resultado moi positivo para a audiéncia e a crítica.