O Pingüín terá série na HBO Max

996

A HBO Max está a desenvolver unha série centrada no Pingüín, o clásico falcatruán das histórias de Batman. A série sería unha continuación da longametraxe The Batman, que dirixiu Matt Reeves o ano pasado e que por mor da pandémia está aínda pendente de estrea nos cinemas para o vindeiro mes de marzo.

No devandito filme, Colin Farrell interpreta ao Pingüín, que nesta ocasión é un señor do crime chamado Oswald Cobblepot. O actor recibiu xa algunhas propostas para continuar facendo o mesmo papel na série, pero polo de agora non hai nada pechado.

Reeves e Dylan Clark, director e produtor do filme respectivamente, serán os produtores executivos do novo proxecto, que conta ademais con Lauren LeFranc para escribir o guión. A série narrará como Cobblepot medrou no mundo da ilegalidade de Gotham City.

A série do Pingüín sería o segundo “spinoff” que a HBO Max está a planear a partir do filme The Batman. O outro é unha série sobre o departamento de policía de Gotham City, que xa foi aprobado en xullo do ano pasado.

A Warner Bros. TV e a DC Entertainment serán as compañías encargadas de producir o proxecto.