O actor dinamarqués Pilou Asbæk, a quen os fans recoñecerán coma Euron Greyjoy na série Game of Thrones, ven de se facer co papel de vilán principal na nova adaptación ao cinema da clásica novela de terror de Stephen King Salem’s Lot para a New Line.
A história conta como o escritor Ben Mears (Lewis Pullman) regresa á súa vila natal de Jerusalem’s Lot en procura de inspiración para o seu seguinte libro, pero alí descubre que o lugar está infestado por un vampiro sedento de sangue.
Asbæk será Richard Straker, o familiar do vampiro que prepara todo para a chegada do seu amo e é o responsábel de moitas das desgrazas que acontecen. O persoaxe é o principal antagonista dos heroes ao longo de grande parte do libro e foi interpretado por James Mason na versión dos anos 70, unha minisérie que dirixiu Tobe Hooper para a tele.
Alfre Woodard, Makenzie Leigh, Bill Camp e Spencer Treat Clark son os outros actores do elenco xa confirmados. O filme atópa-se xa en produción en Boston, baixo a dirección de Gary Dauberman a partir dun guión que el mesmo escribiu.
Asbæk rodará axiña un papel en Aquaman and the Lost Kingdom, de James Wan. Wan tamén produce a nova Salem’s Lot, cuxa estrea está prevista para o 9 de setembro de 2022.