William Shatner e mais o seu selo, a Shatner Universe, veñen de chegar a un acordo coa Pure Imagination Studios para desenvolveren TekWar, unha série de debuxos animados para adultos.
A nova série foi desenvolvida e escrita por Matt Michnovetz (Star Wars: The Clone Wars), e está baseada na clásica série homónima de novelas de detectives futuristas publicadas en 1989, que Shatner escribiu xunto ao autor de ciéncia-ficción Ron Goulart.
A saga de nove libros está ambientada no ano 2043 e o seu protagonista é un antigo detective de Los Angeles, acusado falsamente do crime de vender Tek, unha droga en forma de implante de microchip que altera a mente e crea unha realidade simulada. Exonerado após catro anos, é contratado para resolver unha série de crimes relacionados coa droga Tek.
Este proxecto está concibido coma unha série de debuxos animados con realidade mesturada, na que os espectadores poderán participar no argumento de distintos xeitos, usando os seus móbiles, tabletas ou dispositivos portátiles.
Aínda que pode ver-se de xeito independente, o nivel de inmersión aumenta ao poder formar parte da narración. Tamén se considera o primeiro paso para construír un “multiverso en tempo real ao redor dunha propiedade“.
A série de libros xa fora adaptada previamente para a televisión a mediados dos anos 90, con catro telefilmes e mais unha série, e xerou ademais dúas séries de cómics (en 1992 e mais en 2009), un videoxogo e mais unha colección de cromos.