Mike Flanagan cae na Casa dos Usher

1125

Após do éxito de The Haunting e mais a polémica Midnight Mass, o realizador Mike Flanagan ven de anunciar un novo acordo coa Netflix para producir outra série de terror. Flanagan e mais o seu selo, a Intrepid Pictures, adaptarán várias obras clásicas de Edgar Allan Poe dentro do marco dunha nova série baseada no conto The Fall of the House of Usher.

O cineasta nado en Salem (Massachusetts) é o creador da série e será ademais o seu produtor executivo xunto a Trevor Macy. A Netflix xa lle encargou oito episódios, dos que Flanagan dirixirá catro e Michael Fimognari a outra metade. Fimognari e mais Emmy Grinwis aparecerán ademais coma produtores executivos deste novo programa, que o mesmo que Midnight Mass, será independente e non vencellado ás outras séries.

Tanto The Haunting of Hill House coma The Haunting of Bly Manor usaron elementos extraídos de múltiples obras de dous autores de terror clásicos, Shirley Jackson e Henry James, e adaptaban as súas novelas The Haunting of Hill House e The Turn of the Screw.

A polémica Midnight Mass é unha obra orixinal, aínda que homenaxea as novelas Salem’s Lot e Revival de Stephen King. Flanagan adaptara con anterioridade outras dúas obras de King: Gerald’s Game e mais Doctor Sleep en senllas longametraxes.

Polo de agora non se sabe que obras de Poe serán incorporadas ao argumento da nova série, pero non hai dúbida de que non lle faltarán vimes para facer o cestro. Entre as obras de mais sona de Poe están The Masque of the Red Death, The Pit and the Pendulum, The Murders in the Rue Morgue e The Telltale Heart. En The Fall of the House of Usher, un cabaleiro mozo é convidado para a vella mansión dun amigo da infáncia, Roderick Usher, un artista doente e excéntrico que vive en total illamento canda súa irmá, tamén de saúde precária.

A vindeira série que veremos de Flanagan na Netflix será The Midnight Club, baseada na novela homónima para adolescentes de Christopher Pike.