Agatha Harkness contará cunha série de seu

59

Seica a Marvel Studios está xa a desenvolver unha série spin-off da recente gañadora de tres prémios Emmy WandaVision, pero esta vez poñendo o foco en Agatha Harkness, o persoaxe ao que daba vida a actriz e cómica Kathryn Hahn.

O creador de WandaVision, Jac Schaeffer, será o guionista e produtor executivo desta série derivada de Harkness, no marco do acordo que asinou coa Marvel e a 20th Television. Polo de agora non se sabe ren do argumento, pero si que será unha comédia sinistra.

Pola súa banda Hahn seica pechou un acordo mais amplo coa Disney que lle permitirá ir alén do seu papel de bruxa ladroa para esta série e para que o seu persoaxe apareza en todo o Universo Cinemático da Marvel, tanto en séries en streaming coma en futuras longametraxes.

Cómpre relembrar que Agatha Harkness e mais a interpretación de Hahn valéron-lle unha nominación aos Emmy e foron un dos elementos de WandaVision que mellor acollida tivo, sobre todo pola súa canción.