Sonnenfeld achéga-se de novo aos Metal Men

553

Para o novo proxecto de Barry Sonnenfeld, que adaptará ao cinema a un superheroe da DC Comics, haberá que contar literalmente con seis elementos: ouro, ferro, chumbo, mercúrio, estaño e platino.

E aínda que o director neoiorquino responsábel da saga de Men in Black non quixo revelar que cómic dos anos 60 está a adaptar para a Warner Bros., todo fai pensar que Sonnenfeld vencellou-se para a série The Metal Men da DC.

No cómic orixinal, The Metal Men vai sobre un científico experto en intelixéncia artificial chamado William Magnus que crea seis ciborgs, cadaún deles feito dun elemento químico distinto con talentos que reflicten o seu lugar na táboa periódica: Gold (ouro), o seu líder, era case infinitamente estirábel; Iron (ferro), o forzudo; Lead (chumbo), o protector babeco; Mercury (mercúrio), o caprichoso tomador de riscos que podía fundir-se nas fendas mais pequenas; Platinum (platino), tamén chamada Tina, un ciborg feminino que podía esmagar-se a si mesma pero que non podía acreditar que non era unha muller de verdade. E Tin (estaño), un ciborg dubitativo e inseguro.

O concepto, que debutou na revista Showcase, tivo abondo éxito como para que os Metal Men obtiveran unha série de seu en 1963, que se publicou bimestralmente durante seis anos. O título regresou en 1976, pero foi cancelado axiña xunto con grande parte dos cómics da DC. Os persoaxes aparecerían coma convidados noutros títulos ao longo dos anos 80, e en 1993 acadaron unha minisérie de catro números.

Grazas a seren ún dos favoritos do antigo coeditor da DC Dan Didio, o grupo cobrou mais protagonismo no século XXI, cun papel salientábel do doutor Magnus en 52, e en 2012 falou-se por primeira vez da posibilidade dun filme, xa daquela con Sonnenfeld coma director. Despois chegaron os anos de Christopher Nolan, Zach Snyder, a compra da DC por parte da empresa telefónica AT&T, e a posibilidade dunha película de Metal Men afastou-se.

O proxecto, nombergantes, segue vivo, e Sonnenfeld afirma que o desenvolvemento está activo. Por suposto, isto non sinifica que o filme se chegue facer, pero as esperanzas volven a xurdir.