Zé do Caixão, o persoaxe de terror creado polo defunto director brasileiro José Mojica Marins, regresará ás pantallas grazas a dous novos proxectos: ún en inglés, procedente dos Estados Unidos, e outro en español, de México.
SpectreVision, a produtora fundada por Elijah Wood xunto aos directores Daniel Noah e Josh C. Waller, será a encargada do reinício do persoaxe coa versión en inglés.
Zé do Caixão foi creado inicialmente por Mojica coma o vilán do seu filme de terror de 1963 Á meia noite eu levarei sua alma e foi interpretado polo mesmo director, aparecendo despois noutras nove películas e tres séries de televisión, así coma en canzóns, vídeos de música e cómics.
Segundo a Spectrevision, o seu filme ofrecerá “unha versión mais convencional, accesíbel e actualizada… fiel ao público de Zé do Caixão, pero presentando ao persoaxe a un público mais amplo e novo“.
“Zé do Caixão é un bicho papón emblemático e indelébel que merece ser reimaxinado para a nosa cultura contemporánea“, dixo Noah. “Estamos desexando crear unha nova longametraxe que capture a escura arte da singular creación de Mojica para o noso mundo moderno”.
Pola súa banda, a versión en español xa conta cun guión a cargo dos realizadores mexicanos Lex Ortega e Adrián García Bogliano (Here Comes The Devil, 2013). Ortega dirixirá o filme, que narrará unha nova história de início do persoaxe, esta vez baseado no país azteca.
Zé do Caixão (coñecido coma “Coffin Joe” no mundo anglosaxón) é un enterrador e empresário funerário que sempre viste cartola e capa negras e leva unha barba espesa e unllas longas. Aínda que Zé non acredita no paranormal, experimenta decote fenómenos sobrenaturais, coma encontros con pantasmas, visións do inferno e encontros con seres doutros mundos, ou coa mesma Morte.
Mojica finou en febreiro de 2020 aos 83 anos, pero aínda ten unha derradeira história que nos contar: o seu lendário filme A Praga estréa-se hoxe día 14 de outubro no festival de cinema fantástico de Sitges. O filme rodou-se en 1980 e considerou-se perdido durante moitas décadas, antes de ser redixitalizado en 4D. En Sitges verá-se ademais un documental sobre o proceso de recuperación e rescate do filme.