Ao longo de vários posts na súa conta de Instagram, a australiana Ruby Rose ven de revelar as razóns polas que abandonou o seu papel de protagonista da série Batwoman da canle The CW tan abruptamente o pasado mes de maio.
Daquela os motivos dados pola canle foron que Rose tiña lesións anteriores e non quería continuar, mentres que a actriz ficou maiormente en silenzo. Porén houbo indícios de que Rose mantiña diferéncias creativas cos demais integrantes da série.
Nombergantes, hoxe os posts indican que, se ben as lesións xogaron un papel, o motivo foi moito peor: as terríbeis condicións de traballo e os problemas de seguranza no plató.
A actriz, de 35 anos, compartiu vídeos e imaxes das visitas ao hospital que tivo que realizar tentando recuperar-se dunha grave lesión no pescozo e di que se veu obrigada a volver tan só dez días despois da súa operación, arriscando a súa saúde. Ademais fala de que outros membros da equipa sufriron os mesmos problemas.
Tamén salienta a súa carraxe contra os produtores: a showrunner Caroline Dries, os produtores executivos Greg Berlanti e Sarah Schechter, e mais os executivos da canle. Rose di: “Irei por vós, para o que me aconteceu a min non lle volva pasar a ningunha outra persoa, e para que por fin poida recuperar a miña vida e a verdade. Que vergoña!“.
Rose afirma que Dries só visitaba o plató catro veces ao ano e quería rematar a tempada a toda présa por mor do covid, mentres outras séries pechaban precisamente debido a iso. E por se fora pouco, Rose salienta ao ex-presidente da CW, Peter Roth, con graves acusacións de comportamento inaxeitado.
Finalmente, engade que nunca regresará á série: “Polo tanto, para rematar, por favor, aos meus queridos e queridas fans, deixade de me preguntar se vou volver a esa horríbel série, non volvería por ningunha cantidade de cartos, nin que me apuntaran á cabeza cunha pistola“.
A Warner Bros. Television, pola súa banda, emitiu un duro comunicado, no que afirman que Rose foi despedida a causa de “moitas queixas no lugar de traballo“.