O derradeiro home á venda

117

Após de catorce anos de tentativas de adaptar o cómic Y: The Last Man de Brian K. Vaughan para a pantalla, o pasado domingo deu-se a coñecer que a série de televisión remataría sen unha segunda tempada.

A canle FX cancelou o drama post-apocalíptico cando só se levaban sete dos seus dez episódios emitidos. A decisión foi unha sorpresa e as preguntas dos fans amontóan-se para saber o que é o que aconteceu.

A FX obtivo os dereitos sobre o cómic en 2015, aprobou o piloto en 2018 e anunciou a Barry Keoghan e Diane Lane coma estrelas a comezos de 2019. E a partir dalí, todo foron problemas. Os showrunners orixinais Michael Green e Aida Croal marcharan cun portazo, deixando coma substituta a Eliza Clark.

Os atrasos continuaron cando Keoghan, quen ía ser Yorick, marchou tamén e Ben Schnetzer asumiu o papel. E daquela chegou o covid, obrigando á FX a emitir a série a través da Hulu. Con todo iso, a rodaxe non comezou até outubro de 2020, mais actores abandoaron (Lashana Lynch e Imogen Poots) e o orzamento dos episódios disparou-se até os 8,5 millóns de dólares por capítulo.

A finais de setembro, Clark anunciou unha posíbel segunda tempada, cando só se levaban catro episódios emitidos e as críticas eran mais ben moderadas. Os executivos da FX tiveron que tomar unha decisión sobre o futuro da série até o 15 de outubro, cando as opcións para manter o elenco expiraran e necesitarían mais de 3 millóns de dólares para as prolongaren.

A cancelación non se baseou polo tanto na audiéncia, senón no feito de que a FX non tiña dados cos que avaliar o éxito da série. Fontes internas afirman que sen o covid, todo andaría nuns tempos distintos.

A cuestión agora é se Clark e a produtora Nina Jacobson poden atopar un novo fogar para a série. A FX Productions é a proprietária directa e dixo que apoiaba os plans de venda. A HBO Max é considerada unha probábel compradora, porque a WarnerMedia é proprietária da editora Vertigo Comics, que publicou o cómic orixinal.