A partir de hoxe, Astérix, Obélix e Idéfix están de volta para a súa 39ª aventura nos cómics. Acompañados por Panorámix, embárcan-se á procura dunha estraña e aterradora criatura nunha longa e misteriosa viaxe, na que non fallará un frío conxelante, unha besta mitolóxica temíbel, fortes mulleres guerreiras, e por suposto os romanos. En Astérix et le Griffon (Astérix e o Grifón, en galego), o autor Jean-Yves Ferri e mais o ilustrador Didier Conrad envían-nos para unha rexión fría, a Sarmácia, no limite de Europa, un território absolutamente novo para os protagonistas.
“Cando comecei o libro, preguntei-me que país ficaba aínda para envia-los“, dixo o autor Jean-Yves Ferri. “Decidín-me polo Leste, e ao comezo tiña en mente unha história que parodiara un pouco a Guerra Fría. E finalmente puxen esta história dos Grifóns, que é completamente inventada“.
Unha ollada aos libros de história levou ao autor aos sármatas, un povo nómada e guerreiro que vivía no que hoxe é unha rexión entre Rúsia, Mongólia e Kazaxistán: “E convertín-os en persoas que adoran ao Grifón“.
O místico grifón, unha criatura híbrida de aguia, león e cabalo, atrae aos romanos. César pretende captura-lo para os seus xogos circenses, porque “un monstro así fai-me popular entre a plebe”. Os romanos coñeceron ao grifón grazas a Kalashnikova, unha amazona da tribo sármata, á que capturaron. E así, unha expedición adéntra-se no frío. Pero os galos tamén están en camiño á Sarmácia, alertados por un soño do druída Panorámix, no que o seu amigo, o chamán Terrine, ao que coñeceu nun “seminário de máxia alternativa“, píde-lle axuda.
A escena relembra outro famoso cómic, Tintin au Tíbet, de Hergé: “Coidei que sería divertido facer unha alusión a este volume, unha história lixeiramente onírica e algo estraña da série Tintín“, di Jean-Yves Ferri. “E aquí é o mesmo. Coido que este álbum de Astérix é un pouco diferente“.
Entre os sármatas, a guerra é cousa de mulleres, e os homes ocúpan-se da casa e o lar. Co volume anterior, La fille de Vercinxétorix, Ferri xa comezara a incorporar aos cómics temas de actualidade coma a discusión de xénero: “O tema aparece inevitabelmente na série porque forma parte da nosa paisaxe contemporánea. É normal que aquí non haxa o mesmo ambiente ca nos anos 60, cando as mulleres da vila estaban no papel da época“, dixo Ferri, para quen este é o quinto libro de Astérix que fai canda o debuxante Conrad. Xuntos continúan o traballo dos creadores orixináis René Goscinny (1926-1977) e Albert Uderzo (1927-2020).
O libro foi conta xa cunha versión en galego, traducida por Xavier Senín, Isabel Soto e Alejandro Tobar, publicado en Galiza por Edicións Xerais e en princípio dispoñíbel dende xa nos andeis das librarías.