Un dos actores favoritos dos fans na internet, Brendan Fraser, ven de se facer co papel do falcatruán principal no vindeiro filme Batgirl que están a preparar a Warner Bros. Pictures e mais a HBO Max. Aínda que non hai confirmación oficial, o papel será o de Firefly (ou Vagalume, na súa version en galego), un dos mais coñecidos inimigos de Batman.
Creado por France Herron e Dick Sprang, Firefly (Garfield Lynns) fixo o seu debut no número 184 da série Detective Comics (xuño de 1952). Aínda que nun princípio era un supervilán que só usaba efectos de luz para cometer roubos, foi re-creado despois de Crisis on Infinite Earths nos anos 80 coma un experto en pirotécnia e explosivos e un psicópata pirómano cunha compulsión obsesiva a prender lumes.
Leslie Grace é a protagonista da longametraxe no papel de Batgirl e de Barbara Gordon, a filla do comisário de policía de Gotham Jim Gordon (J.K. Simmons). Jacob Scipio completa o elenco principal.
Adil El Arbi e Bilall Fallah (Bad Boys for Life) dirixen a partir dun guión de Christina Hodson (Birds of Prey) e Kristin Burr será a produtora.
Este é o segundo papel que Fraser acepta para o universo da DC, despois de lle emprestar a súa voz a Robotman na série da HBO Max Doom Patrol.
Batgirl estreará-se directamente no servizo da HBO ao longo de 2022.
ACTUALIZACIÓN 27.10.21: Segundo algunhas fontes, o papel de falcatruán que fará Fraser non será o de Firefly, senón o do gángster Carmine Falcone, o cal se adaptaría mellor ao físico do actor. Porén polo momento, ningunha confirmación oficial e ambas opcións fican abertas.