O proxecto de remake de The Wolfman que protagonizará Ryan Gosling para a Universal Pictures volve poñer-se en marcha grazas ás conversas que os estudos están a manter co director e guionista Derek Cianfrance para que se faga cargo do filme. Cianfrance substitúe deste xeito a Leigh Whannell (The Invisible Man), quen abandonou o proxecto a primeiros de ano por mor de problemas de axenda.
Cianfrance xa traballara con anterioridade con Gosling en Blue Valentine e The Place Beyond the Pines, e para este proxecto, ademais de dirixir, escribirá o guión. Gosling, Ken Kao e Jason Blum serán os produtores.
O novo The Wolfman será unha nova versión do clásico monstro de Hollywood, pero ambientada nos nosos tempos, e non un filme de época coma o de 2010 con Benicio del Toro e Emily Blunt que resultou ser un completo desastre nos despachos de billetes.
Nun comunicado, Cianfrance dixo: “as películas de terror foron o meu primeiro amor, a miña entrada no que o cinema podía facer narrativa, psicolóxica e esteticamente. Xunto coa oportunidade de colaborar de novo con Ryan, isto é un verdadeiro soño feito realidade“.
Cianfrance obtivo unha nominación ao Oscar co guión do aclamado filme de 2019 Sound of Metal, protagonizado por Riz Ahmed, e mais recentemente dirixiu a série I Know This Much Is True con Mark Ruffalo.