A creadora de Killing Eve, a actriz inglesa Phoebe Waller-Bridge, e mais a convidada habitual da mesma série Fiona Shaw, veñen de unir os seus nomes ao elenco que protagonizará a nova comédia fantástica aínda sen título do actor e director John Krasinski para a Paramount Pictures.
Krasinski é ademais o autor do guión e o protagonista xunto a Ryan Reynolds, nun proxecto do que polo de agora só sabemos que está baseado nunha ideia orixinal de Krasinski sobre a viaxe dun neno para redescubrir a súa imaxinación.
Krasinski e Reynolds serán os produtores deste filme, que xa conta cunha data de estrea, o 17 de novembro de 2023. A rodaxe terá lugar en verán.
Se cadra a Waller-Bridge poderémola ver antes, porque arestora roda Indiana Jones 5, pero o seu traballo está xa nas pantallas, xa que contribuíu a partes do guión do filme de 007 No Time to Die. Shaw pola súa banda aparecerá axiña na vindeira série da Disney+ Star Wars: Andor.