Taika Waititi dirixirá a Torre do Terror

1084

Aínda que falla a confirmación oficial, Taika Waititi ven de asinar o contrato polo que dirixirá a película Tower of Terror da Disney, que conta xa con Scarlett Johanson coma produtora. O director novacelandés embarcou-se no proxecto a comezos deste ano, pero cando saíu á luz o preito de Johanson contra Disney, ficou no aire o que acontecería con Tower of Terror e os seus produtores. Nombergantes, após de que se chegara a un acordo, o filme poderá continuar adiante, agora con Waititi coma director.

O gañador dun Oscar Josh Cooley (Toy Story 4) escribiu o guión, cuxos detalles aínda están en segredo. O que si que se sabe é que o filme se baseará na famosa e popular atracción homónima dos parques temáticos de Disneyworld. Polo de agora non hai actores confirmados, pero tanto Johanson coma Waititi son os nomes mais óbvios que xurden.

A Disney xa fixo un primeiro intento de levar a atracción ás pantallas en 1997, co telefilme do mesmo título protagonizado por Steve Gutenberg e Kirsten Dunder. En 2015 Tower of Terror tentou dar o chimpo ao cinema, para o que a Disney contratou coma guionista a John August (Corpse Bride) e Jim Whitaker (Peter Pan and Wendy) coma produtor, pero o filme non pasou da fase de proxecto e foi arquivado.

Os filmes baseados en atraccións da Disney son un éxito monumental dende o lanzamento do primeiro Pirates of the Caribbean. As cinco longametraxes que compoñen a franquía recadaron mais de 4.500 millóns de dólares, e hai pendente un relanzamento con Margot Robbie a cargo. A primeiros deste ano, a Disney estreou Jungle Cruise con Dwayne Johnson e Emily Blunt, que fixo 213 millóns mália a pandémia, e teñen xa proxectos de facer unha secuela. Finalmente, a rodaxe de Haunted Mansion comezou xa cun elenco de luxo, composto por LaKeith Stanfield, Tiffany Haddish, Owen Wilson, Rosario Dawson e Danny DeVito.