O presidente e CEO da Paramount, Brian Robbins, ven de revelar que el mesmo e mais o líder creativo da franquía de Star Trek, Alex Kurtzman, están a considerar a ideia dunha longametraxe familiar de debuxos animados baseado nos catro cuadrantes da galáxia. O curioso do caso é que segundo dixo, están a se inspirar para este proxecto no aclamado filme Spider-Man: Into the Spider-Verse.
A parella concedeu unha entrevista no decurso da promoción polo lanzamento da série de debuxos animados para nenos Star Trek: Prodigy, que seica é onde está o futuro e se cadra podería estar conectada ao filme:
“Spider-Man: Into the Spider-Verse é un dos mellores filmes da pasada década, animado ou non. É unha obra de arte incríbel. Fun con toda a miña família e con outra família e ficamos coa boca aberta. En última instáncia, Star Trek vai sobre a família, destes temas universais xigantes. Contar unha história así, especialmente tendo en conta o nivel de cinema que xa aportamos á série de televisión, é unha oportunidade marabillosa. Encantaría-me face-lo“, dixo Kurtzman.
Nin Robbins nin Kurtzman fixeron comentários específicos sobre calquera posíbel filme de Star Trek en desenvolvemento e tampouco quixeron confirmar a J.J. Abrams para o posto de director. Os esforzos por continuar a franquía na pantalla grande enfriáron-se dende o ano 2016, cando se estreou a última, pero Robbins si que falou dese futuro no cinema:
“O seguinte chanzo da franquía nas salas de cinema é crucial para a saúde da franquía en xeral. Non hai dúbida de que as grandes películas nas salas son o facho que acende as franquías. Estamos a traballar nelo e, en realidade, non teño ren mais que dicir porque estou agardando a que se entregue o desenvolvemento. Estou desexando poñer-me mans á obra; aínda non estamos aí, pero temos que chegar axiña“.