Taika Waititi adaptará a Jodorowsky

787

O gañador do Oscar Taika Waititi (Thor: Love and Thunder) ven de asinar para dirixir The Incal, a primeira adaptación ao cinema da novela gráfica homónima de Alejandro Jodorowsky e Moebius, para a Humanoïdes e a Primer Entertainment.

Waititi tamén co-escribirá o guión do proxecto, que supón a primeira incursión da Humanoïdes no cinema, xunto ao seu colaborador habitual Jemaine Clement (What We Do in the Shadows) e a Peter Warren (Ghost Team).

L’Incal é unha série de novelas gráficas escritas por Jodorowsky e ilustradas orixinalmente por Jean Giraud (mais coñecido polo seu alcume de Moebius). As súas primeiras páxinas publicáron-se orixinalmente co título de Une aventure de John Difool na lendária revista Métal hurlant. A obra é unha ópera espacial épica centrada no desleixado investigador privado John Difool, quen atopa un artefacto místico coñecido coma o Incal, un obxecto de grande poder cobizado por moitas faccións da galáxia. A medida que Difool vai coñecendo os poderes e o propósito do Incal, embárca-se xunto coa súa tripulación no que comeza coma unha misión improbábel para salvar o universo, e pouco a pouco convérte-se nunha viaxe espiritual que examina a dualidade e o sinificado da existéncia.

O realizador e guionista Jodorowsky e mais o artista Moebius, ambos franceses, crearon este título para a editorial Humanoïdes Associés a finais dos anos 70, converténdo-a na novela gráfica de ciéncia-ficción mais vendida da história. Ese cómic serviría para inaugurar o “Jodoverso”, que abrangue séries de cómics supervendas coma The Saga of The Meta-Barons ou Megalex, e que pode que sexa estendida pola compañía noutros filmes no futuro.

Os filmes e novelas gráficas de Alejandro Jodorowsky influíron-me a min e moitos outros durante moito tempo“, dixo Waititi. “Abraiou-me que me deran a oportunidade de lle dar vida aos seus emblemáticos persoaxes e estou agradecido a Alejandro, Fabrice e a todos en Humanoïdes por confiar en min para face-lo“.

Cando o director xeral de Humanoïdes, Fabrice Giger, me presentou o traballo de Taika Waititi, resultou-me óbvio que era o axeitado“, dixo Jodorowsky, de 92 anos. “Confío pleamente na creatividade de Taika para lle dar a L’Incal unha visión abraiante, íntima e ao mesmo tempo de proporcións cósmicas“.

Pola súa banda, Fabrice Giger engadiu: “Empezou coma as aventuras dun espantallo chamado John Difool, e logo converteu-se nalgo mais, chamámo-lo L’Incal, algo que transformou todo o que tocou e segue a face-lo: os seus creadores, os outros artistas que logo formaron parte da viaxe de John, a súa editorial Humanoïdes e eu mesmo no proceso, innumerábeis lectores, escritores e directores de todo o mundo, e axiña, coido, o grande Taika Waititi en persoa e todos os que se inspiran nel“.

A parceira de produción da Humanoïdes, a Primer — dirixida por David Jourdan — investiu na editorial en 2019, e aportou un fundo de desenvolvemento multimillonário para se asociar a unha série. Este fundo axudou a poñer en marcha os esforzos de produción da empresa, que quere aproveitar un catálogo de propiedade intelectual de artistas e escritores de grande prestíxio, entre eles John Cassaday, Milo Manara, Mark Waid ou Robert Silverberg.