Adéus a Dean Stockwell

1382

Dean Stockwell, un dos actores mais populares nas pantallas, co-protagonista de Quantum Leap (ou Salto no Tempo na versión da TVG), nominado ao Oscar e ao Emmy, e cuxa carreira no teatro, o cinema e a televisión abrangue mais de 70 anos, finou na madrugada do pasado lúns 7 de novembro. Morreu en paz na súa casa por causas naturais, segundo confirmou á prensa un representante da família, aos 85 anos de idade.

Stockwell nacera en 1936 en North Hollywood, Califórnia. Aos 7 anos xa estaba en Broadway, New York, comezando unha carreira coma actor infantil e traballando en filmes canda Frank Sinatra, Gene Kelly e Errol Flynn. De mozo, volveu aos escenários do teatro coa obra Compulsion xunto a Roddy McDowall, quen se convertería nun amigo para toda a vida. Stockwell repetiu o papel no cinema, gañando o primeiro dos seus dous prémios ao mellor actor no Festival de Cannes.

En 1970 rodaría The Dunwich Horror, o filme que reavivou o interese polo terror cósmico no cinema, e ao longo dos anos seguintes apareceu na tele en séries coma The Twilight Zone, Columbo, Mission: Impossible, The Streets of San Francisco, McCloud e The A-Team.

Nombergantes, en 1984 estaba por cambiar de carreira e converter-se en axente inmobiliário cando recibiu unha chamada de Harry Dean Stanton, quen o convenceu para rodar o filme de Wim Wenders París, Texas, e a partir de aí a súa vida non coñeceu mais có éxito e a fama, en filmes coma Blue Velvet, Dune, Married to the Mob (o que lle valeu unha nominación ao Oscar), The Rainmaker e The Player.

Na televisión acadou grande sona grazas á série Quantum Leap, onde interpretou a Al Calavicci xunto a Scott Bakula, e a Battlestar Galactica, onde se convertería no Cylon Número Ún. Dende entón, a súa participación nas convencións de ciéncia-ficción sería xa un clásico.

En 2015 retirou-se dos escenários e comezou a facer arte e participar en exhibicións. Sobreviven-lle a súa muller, Joy Stockwell, e os seus dous fillos, Austin Stockwell e Sophie Stockwell.