Discovery abandoa a Netflix

1003

Aínda que a tripulación do Discovery vive no século XXXII, os seus espectadores seica terán que atrasar os reloxos até o século XX.

Star Trek: Discovery está por perder de súpeto ao redor do 60% da súa audiéncia en todo o mundo. Aínda que a série é emitida polo servizo Paramount+ nos Estados Unidos e Canadá, a Netflix posuía os dereitos de emisión para o resto dos países, se ben por contrato estaba obrigada a emitir os capítulos con 24 horas de atraso.

Onte nombergantes, e cando só fican dous días para a estrea da cuarta tempada, as tres primeiras tempadas de Discovery desapareceron desúpeto do catálogo da Netflix, e anunciou-se asemade que a cuarta nunca chegará ao servizo, o que supón a perda inmediata dun 60% da súa audiéncia global.

Os plans da Paramount+, nestes intres a única plataforma que emite a série, son espallar-se por Europa e por outros territórios ao longo de 2022, polo que piden paciéncia e comprensión aos fans, que poderán ver o resto da série dentro duns meses, aínda que por suposto pagando polo novo servizo. Agárda-se que a Paramount+ chegue a uns 45 países durante o ano que ven, pero os seus plans non inclúen datas concretas. A Netflix, pola súa banda, está xa presente en 190 países.

Por se fora pouco, noutros territórios onde xa existe a Paramount+, coma Austrália, a nova tempada tampouco chegará até ben entrado o ano que ven, polo que os espectadores que se aboaron pensando que ían ter avantaxes de recibir a série, tamén terán que agardar.

Todo isto deixa a Star Trek: Discovery só dispoñíbel legalmente en dous países do mundo, mais ou menos coma Star Trek: Prodigy. Pola súa banda, Star Trek: Picard e Star Trek: Lower Decks aínda teñen contrato en vigor coa Amazon Prime, polo que os espectadores poden seguir gozando delas fóra de Norteamérica.