O verme Jim regresa ás pantallas

70

Está en desenvolvemento unha nova série de debuxos animados para a televisión baseada en Earthworm Jim. O proxecto procede da Interplay Entertainment Corp., que posúe os dereitos dos videoxogos da franquía. A Interplay asociará-se coa APA para levar o persoaxe á tele.

A série, o mesmo cós videoxogos, terá coma protagonista a Jim, un verme cun traxe robótico futurista que loita contra os seus inimigos nun sistema de plataformas. A série tamén incluirá novos persoaxes que navegarán pola galáxia, onde cada planeta é o fogar dunha raza de animais antropomórficos. A misión de Jim é atopar o seu verdadeiro fogar entre as estrelas: un planeta mítico chamado Terra.

A Interplay quere desenvolver novos proxectos baseados nas súas propiedades de videoxogos a través da súa acabada de crear división de estudos de televisión e cinema. Michel K. Parandi é o encargado de dirixir este traballo, para o que conta coa colaboración do produtor Aaron Billet e mais o estudo de animación Passion Pictures, dirixido por Marc Bodin-Joyeux.

Lembro que me encantaba Earthworm Jim de neno“, di Parandi. “E hai moito potencial neste universo de histórias: unha galáxia chea de animais que loitan polo poder. Jim é unha miñoca nun universo onde a Terra non é mais ca un mito. A súa loita por lle atopar un senso é surrealista e cómica, pero tamén é próxima a nós“.

Estamos encantados de ter a oportunidade de crear un programa para un persoaxe emblemático co que medramos tanto xogando coma mirando na tele“, engadiu Billet. “Os fans maduraron e merecen unha versión actual mentres atraemos a novas audiéncias“.

O primeiro videoxogo de Earthworm Jim lanzou-se para as consolas Sega Genesis e a Super Nintendo en 1994. Até hoxe houbo catro entregas da franquía, a derradeira das cales apareceu en 1999. Tamén houbo unha série de debuxos animados da WB baseada nela, que se emitiu durante dúas tempadas en 1995. Dan Castellaneta, coñecido por ser a voz de Homer Simpson, foi quen dobraba a Jim. O persoaxe apareceu ademais noutros videoxogos e nunha série da Marvel Comics, así como en bonecos e outros xoguetes.