A Amazon pon os ollos en Mass Effect

796

Após do prometedor comezo da emisión de The Wheel of Time hai uns días e coa estrea pendente da superprodución Lord of the Rings, a Amazon Prime seica está a quecer os motores para continuar coas séries de fantasía de alto nivel, agora que The Expanse, outro grande éxito do servizo, está por rematar a súa sexta e derradeira tempada.

E a continuación podería levar-nos de novo ao espazo, porque circula unha azueira segundo a cal a Amazon está a negociar para se facer cos dereitos de Mass Effect, a popular saga de videoxogos de ciéncia-ficción da BioWare e a EA, para crear unha nova série de televisión.

A xefa da Amazon Studios, Jennifer Salke, non quixo comentar ren sobre esa franquía concreta, pero dixo: “Verás que seguimos a investir en todo tipo de xénero fantástico, temos unha equipa centrada no xénero nos estudos que traballa arreo cos nosos parceiros creativos neses taboleiros, e podes agardar mais“. De feito, a Amazon está a gozar do éxito de The Wheel of Time. A série obtivo dúcias de millóns de streams nos seus tres primeiros días de estrea, e os tres primeiros episódios rexistraron unha das taxas de finalización mais altas da história do servizo.

O videoxogo estivo hai uns anos pendente dunha posíbel versión no cinema, con vários guionistas vencellados. O derradeiro deles foi Morgan Davis Foehl, pero após desas novas, o proxecto ficou gardado nun caixón.

A triloxía orixinal de Mass Effect lanzou-se hai dez anos, e contén ún dos universos de ciéncia-ficción non cinemáticos mellor estabelecidos. A franquía describe un universo alternativo no que a humanidade e vários mundos alieníxenas colonizaron a Vía Láctea utilizando tecnoloxía abandoada por outra civilización precursora moito mais avanzada. Nos xogos, o protagonista é o comandante Shepherd, quen debe axuntar unha tripulación de vários áliens e humáns para se enfrontaren a unha antiga ameaza que pretende rematar coa vida na galáxia.

Existe asemade unha cuarta entrega titulada Andromeda, que mais ca unha continuación é un “spin-off”, lanzou-se en 2017 pero resultou un fracaso de vendas. Nestes intres os estudos queren desenvolver unha nova triloxía que continúe a orixinal e teñen previsto saír ao mercado para 2023 ou 2024.