Os novos Power Rangers aterran na Netflix

858

Hai cousa dun ano soubo-se que Jonathan Entwistle, o director de The End of the F–ng World, ía formar equipa coa Hasbro e mais a eOne nun novo reinício da franquía dos Power Rangers.

Daquela semellaba que unha nova longametraxe que dera paso a unha nova série (ou várias séries) estaba en xogo. Agora sábe-se que a Netflix é o servizo que se fixo cos dereitos desta nova versión.

O presidente do departamento de televisión global da eOne, Michael Lombardo, quen leva no cargo dende xuño de 2020, revelou a nova no decurso dunha entrevista esta semana, e engadiu que os plans inclúen asemade un grande universo cinematográfico que consiste en várias películas e programas para a Netflix:

Dende que creamos Power Rangers con Entwistle, lanzamos realmente un enfoque para todo o mundo. Non se trata dunha soa série, senon de séries seguidas de películas e de programas infantís. Atopamos un estupendo parceiro de escritura para el, e xa están en marcha. Toco madeira, a Netflix está emocionada, nós estamos emocionados, agardamos ter novas axiña“.

Agárda-se que Entwistle comece de novo en lugar de se basear no reinício cinematográfico de 2017 que fixo a Lionsgate, o cal por certo funcionou relativamente ben coa crítica pero non tanto nos despachos de billetes. Polo momento non se revelaron posíbeis plans de estrea para as obras deste novo universo.

Entre as propriedades da Hasbro, unha grande prioridade para a compañía é desenvolver séries baseadas nos seus clásicos xogos de rol Dungeons & Dragons e Magic: The Gathering, esta última tamén en proxecto na Netflix.