Aínda que semella mais ben o conto sen fin e tristemente tamén sen início, a adaptación ao cinema da novela curta At the Mountains of Madness de H.P. Lovecraft polo director Guillermo del Toro, da que se comezou a falar aló por 2006, ven de recibir novidades.
A Warner Bros. rexeitara o proxecto en várias ocasións a finais da primeira década do século, co argumento de que o seu orzamento era demasiado alto e que a súa cualificación para maiores de 18 faría difícil recuperar o investimento. Mais tarde, a Universal recolleu o testemuño e puxo a Tom Cruise coma protagonista, pero os mesmos atrancos xurdiron: del Toro rexeitou censurar a súa versión e rebaixar o orzamento de 150 millóns de dólares.
Onte, nunha conversa para o podcast The Kingcast, del Toro revelou novos detalles sobre o proxecto, do que seica planea reescribir o guión orixinal:
“O que acontece coas Montañas da Loucura é que o guión que coescribín hai quince anos non é o guión que faría agora, así que necesito facer unha reescritura. Non só para reducir a escala dalgún xeito, senón porque daquela tentaba uni-la con elementos que a fixeran pasar pola maquinária dos estudos. Coido que xa non necesito reconciliar-me con iso. Podo ir a unha versión moito mais esotérica, mais rara, mais pequena. Xa sabes, onde poda volver a algunhas das escenas que ficaron fóra. Algúns dos grandes escenários que deseñei xa non me gustan. Por exemplo, xa fixen esta ou aquela peza de escenário xigantesco. Teño ganas de ir nunha dirección mais estraña“.
Nombergantes, non todo vai ser distinto:
“Sei que algunhas cousas ficarán. Sei que o final que temos é ún dos mais intrigantes, estraños e inquedantes para min. Hai uns catro escenários terroríficos que me encantan do guión orixinal. Así que, xa sabes, sería a miña esperanza. Certamente recibo una chamada cada seis meses de Don Murphy dicindo ‘Imos facer isto ou que? Vas facer isto despois ou que?’ e eu digo ‘Teño que tomar-me un tempo para reescribi-lo’“.
Respecto de Cruise, quen ía ser o protagonista do filme hai anos, del Toro só mencionou: “coido que os tempos mudaron. Tom ten quince anos mais“.