O outro universo cinemático de Stan Lee

692

O realizador ruso Timur Bekmambetov (Wanted) e mais a súa empresa produtora, a Bazelevs, vai-se asociar coa ZQ Entertainment para desenvolveren un novo universo cinemático baseado nas obras de terror aínda nunca levadas á pantalla creadas polo lendário Stan Lee.

Polo de agora xa hai dous proxectos planeados. O primeiro é Sawbones, que conta con Alex Covin, unha nena de 12 anos, coma protagonista. Alex lé un misterioso cómic e é transportada ao seu terrorífico mundo, un centro de detención para adolescentes governado por forzas demoníacas.

E o segundo é Carnival of Killers, que transcorre durante o “Dust Bowl”, un período histórico de fortes trebóns de pó que danaron enormemente a ecoloxía e a agricultura nas chairas dos Estados Unidos durante os anos 30. Alí, de novo a protagonista é unha nena, esta vez posuidora de poderes psíquicos, e que presinte que a feira ambulante na que ela e mais a súa nai se agochan na procura de refúxio é en realidade o epicentro dunha invasión extra-terrestre.

Kevin Kolsch (Starry Eyes), Dennis Widmyer (Scream: The Series) e mais Matt Greenberg (1408), que xa traballaron xuntos recentemente na adaptación ao cinema da novela Pet Sematary de Stephen King, están vencellados a este proxecto. Os dous primeiros escribirán o guión de Carnival of Killers, e Greenberg o de Sawbones.

Majd Nassif, Ara Keshishian, Petr Jakl e Martin J Barab son os produtores, e a POW! Entertainment, a empresa do defunto Lee, funcionará coma produtora executiva.