A escritora Anne Rice, coñecida sobre todo polas súas sagas de novelas The Vampire Chronicles, que foron adaptadas várias veces ao cinema e están aínda pendentes dunha versión para a tele, morreu onte día 11 a causa dun derrame, aos 80 anos de idade.
O seu pasamento foi anunciado polo seu fillo Christopher na súa páxina de Facebook:
“Querida xente da páxina. Son o fillo de Anne, Christopher, e rómpe-me o corazón dáde-vos esta triste nova. Esta noite, Anne faleceu por mor de complicacións derivadas dun derrame cerebral. Deixou-nos case dezanove anos despois da morte do meu pai, o seu home Stan. A inmensidade da dór da nosa família non se pode esaxerar. Coma nai, o seu apoio foi incondicional: aprendeu-me a abrazar os meus soños, a rexeitar o conformismo e a desafiar as escuras voces do medo e a dúbida. Coma escritora, aprendeu-me a desafiar os límites do xénero e a me entregar ás miñas paixóns obsesivas. Nas súas derradeiras horas, sentei canda a súa cama do hospital, abraiado polos seus logros e o seu valor, asolagado polas lembranzas dunha vida que nos levou dende as cuíñas cubertas de brétema da baía de San Francisco até as máxicas rúas de New Orleans e as escintilantes vistas do sul de Califórnia. Ao se despedir de Anne cun bico, a súa irmá pequena, Karen, díxo-lle: “Vaia viaxe nos deches, nena”. Coido que todos estamos de acordo. Consolémo-nos coa esperanza compartida de que Anne está a experimentar agora de primeira man as gloriosas respostas a moitas grandes preguntas espirituais e cósmicas, cuxa procura definiu a súa vida e a súa carreira. Durante grande parte dos seus derradeiros anos, as vosas contribucións a esta páxina fornecéron-lle moita ledícia, xunto cun profundo senso de amizade e comunidade. Anne será enterrada no mausoleo da nosa família no cemitério de Metairie, en New Orleans, nunha cerimónia privada. O ano que en celebrará-se a súa vida en New Orleans. Este evento estará aberto ao público e convidará a participar aos seus amigos, lectores e fans que lle deron tanta ledícia e inspiración ao longo da súa vida“.
Nada en New Orleans, Rice pasou alí grande parte da súa vida antes de se mudar a Texas e logo a San Francisco. Medrou cunha família católica, pero se fixo agnóstica sendo aínda nova. A súa carreira de escritora comezou coa publicación de Interview with the Vampire en 1976, mentres aínda vivía en Califórnia, e despois escribiu secuelas nos anos 80.
A mediados da década de 2000, após de se converter de novo en católica, Rice publicou as novelas Christ the Lord: Out of Egypt e Christ the Lord: The Road to Cana, relatando pasaxes da vida de Xesús. Porén, anos despois distanciou-se outra vez do cristianismo, alegando o seu desacordo coas posturas da Igrexa Católica en cuestións sociais.
Os libros de Rice venderon mais de 150 millóns de exemplares en todo o mundo, o que a converte nunha das escritoras mais populares de todos os tempos. Estivo casada co poeta e pintor Stan Rice durante 41 años, desde 1961 até a súa morte en 2002. Ela e Stan tiveron dous fillos: Michelle, que morreu de leucémia aos cinco anos, e Christopher, quen tamén é escritor.