Villeneuve ten unha cita con Rama

696

Após do seu recente éxito coa primeira entrega de Dune e de se asegurar que haberá unha segunda parte, o realizador Denis Villeneuve quere continuar a súa racha co xénero da ciéncia-ficción e adaptará ao cinema outro dos grandes clásicos do xénero: a novela Rendezvous with Rama que Arthur C. Clarke publicou en 1973 e que gañou daquela, entre outros, os prémios Hugo e Nebula.

A adaptación deste libro, unha das pedras angulares da ciéncia-ficción moderna, leva paralizada case vinte anos, cando o director David Fincher anunciou que o proxecto non se levaría a cabo, aló por 2008. Anteriormente, houbera un intento por parte da compañía Revelations Entertainment, propriedade de Morgan Freeman e Lori McCreary, e seica serán estes unha vez mais os que financien a longametraxe, despois das súas boas experiéncias con Villeneuve en Prisoners e Blade Runner 2049.

A história orixinal de Rendezvous with Rama está ambientada na década dos anos 30 do século XXII e vai sobre a investigación dunha enorme nave espacial que apareceu sen que ninguén saiba como nos confíns do noso sistema solar, guiada por unha intelixéncia descoñecida e aparentemente sen ninguén a bordo. Na novela seguimos a un grupo de exploradores humáns que interceptan a nave nun intento de desvelar os seus mistérios e facer o primeiro contacto da humanidade cunha espécie extra-terrestre.

Á novela orixinal seguíron-lle várias secuelas, para as que Clarke asociou-se con Gentry Lee. Lee escribía mentres Clarke lía e facía suxestións, co que o enfoque e o estilo son bastante diferentes. Estes últimos libros non recibiron a mesma aclamación da crítica có orixinal.

McCreery, Freeman, Broderick Johnson e Andrew Kosove serán os produtores da película.