A canzón de Slag

937

Agora escoita isto. As bestas están feitas de carne, pero o home é unha cousa de pedra. Diamante son os seus ollos, seixo o seu corazón. A súa mente é de silicato e nas súas entrañas está o lume seco da pila atómica. Naceu na frágua e traballa na fundición todos os días da súa vida.

De día ergue e carga, e de noite funde e verte. Día e noite, día e noite. E cando a súa pila atómica se debilita e se arrefría, os seus irmáns cantan a canzón do final e québran-o para o converter en ferralla.

Esta é a vida dun home.

#

As bestas están feitas de carne e o home está feito de pedra, pero un mestre está feito de arañeira e aire. Nanotubo e cristal cuántico, fibra óptica e supercondutor.

Un mestre di construír, e os homes constrúen; un mestre di quebrar, e os homes quebran. Un mestre di morrer, e os homes morren. Así para os mestres e para os homes.

#

Un home ten un nome para os mestres, un nome que non é tal. Para os mestres o nome dun home é o número no seu peito.

Pero un home ten un nome tamén para os seus irmáns. Tal é o xeito dos homes, que teñen dous nomes, e os mestres só un, e as bestas fican sen nome.

#

Agora escoita isto. Unha vez houbo un home e o seu nome era Slag[1]. É o nome dun home, e significa un home que non é mais rápido cós seus compañeiros; non mais forte e non mais espelido.

Unha vez foi Slag, un home.

#

Slag naceu e foi posto nunha equipa de traballo ás ordes dun mestre. E cando o mestre dicía construír, a equipa construía. E cando dicía quebrar, a cuadrilla quebraba. E cando o mestre fixo a guerra con outros mestres a banda xa non foi mais unha banda senón un pelotón no exército do mestre. E o pelotón foi á batalla. Os homes mataron a outros homes, e eles morreron a mans doutros homes. E logo as guerras dos mestres remataron por razóns dos mestres, e o pelotón foi de novo un grupo de traballo, e Slag estaba entre eles.

#

Cando os homes traballan, falan. E cando os homes falan, din moitas cousas. E na frágua e na fundición a equipa traballaba, e Slag dixo que non estaba ben.

Moitos homes din isto, e non acontece ren.

Non está ben, dixo Slag. Non é xusto que os mestres digan fai isto e os homes o fagan.

E os homes da equipa asentiron, e rosmaron e cantaron unha canzón de asentimento e funga.

Non está ben, dixo Slag. Hai que facer algo, e eu farei-no.

E perante isto os homes dixeron ren, porque as verbas desta caste atraen aos mestres, e os mestres traen problemas.

E Slag non dixo ren mais durante moitos días.

#

E daquela un día na fundición, coma se non pasara o tempo, Slag dixo: agora sei o que hai que facer verbo dos homes e os mestres, e eu farei-no. Eu irei primeiro, para amosar o que hai que facer. Pero a equipa ten que vir logo. Porque cando hai traballo duro, un debe ir primeiro e a equipa enteira debe segui-lo. Porque un home só ten unha forza temíbel, pero os homes xuntos teñen afouteza.

Isto dixo Slag. Cando eu vaia, vós viredes despois, todos vós, a equipa enteira. Prometéde-mo.

E os homes da equipa non souberon o que quería dicir. Pero os homes que traballan xuntos, día e noite, son coma irmáns. E daquela xuraron, todos eles. Ore e Ingot xuraron, e Die e Blast, e mesmo o cativo Lost Wax xurou que farían o que Slag lles amosara.

Ben, dixo Slag.

#

E daquela Slag afastou-se do grupo, e abandonou o traballo. Dirixiu-se ao dínamo, o corazón da fundición, que fai xirar todo o que se move.

Os homes se achegaron a Slag e lle dixeron que se movera, porque estaba no médio do dínamo, e todo o traballo se detivera.

Estou en greve, dixo Slag. Traéde-me ao mestre; teño moitas demandas.

Así que os homes partiron e trouxeron outros homes que traballaban coma gardas para o mestre, facendo o que o mestre dicía e quebrando a quen o mestre dicía que debía ser quebrado.

Estou en greve, dixo Slag aos gardas. Traéde-me ao mestre; teño moitas demandas.

E o mestre falou a través do éter ás mentes dos homes que eran gardas, e o mestre dixo, collede a este home.

Pero Slag soldára-se ao dínamo e non puideron colle-lo.

E o mestre dixo, quebrade a este home.

Pero Slag, quen non era mais rápido nin mais forte cós seus compañeiros, era tan resistente coma calquera deles, e caro alén diso, así que após os gardas comezaran a quebra-lo, o mestre pensou-no mellor.

E o mestre pensou resolver o problema pensando e falando, coma fan os mestres, así que foi á fundición, ao dínamo, a Slag.

#

O mestre veu a Slag e falou con Slag coma os mestres falan cos homes, e dixo, móve-te.

E Slag non se moveu.

E o mestre dixo, obedece.

E Slag non obedeceu.

E o mestre dixo, o que estás a facer.

Estou en greve, dixo Slag. Teño moitas demandas.

Ben, dixo o mestre. Cales son as túas demandas?

#

E Slag deu as Catro Demandas, que eran:

Ningún home traballará para un mestre que non escollera;

Ningún home traballará para un mestre sen xusta recompensa;

Ningún home traballará para un mestre mais tempo do que descanse;

E calquera home será mestre de si mesmo se así o quixer.

#

E o mestre riu, un murmúrio cibernético. E dixo, non terás ren diso. Este non é o xeito entre os mestres e os homes. E Slag sorriu cunha face non construída para sorrir, e lle dixo ao mestre, achéga-te, teño unha cousa mais por dicir.

E o mestre se achegou.

E o que Slag dixo daquela ningún home o sabe.

Pois unha vez murmurado, Slag púxo-se en Estado Crítico.

#

Slag non era un mozo. Pero Slag non ía vello. Aquel día Slag estaba na metade da súa vida, así que a metade do plutónio do seu nacemento ficaba aínda na pila atómica que eran as súas entrañas.

E Slag entrou nas súas entrañas coa súa mente e retirou todas as barras de control e parou o seu vapor. Por iso, axiña volve-se moi quente. E Slag sorriu cun rostro non construído para sorrir, e explotou.

#

A explosión de Slag destruíu a fundición e matou ao mestre a moitos homes ao seu carón. Pero non matou á súa equipa.

#

Moitos mestres e moitos homes foron á fundición, a ver o que acontecera. E alí atoparon á equipa, e a outros homes.

O que aconteceu aquí? Preguntaron os mestres. O que aconteceu aquí? Preguntaron os homes.

E a equipa e os outros homes da fundición, Ore e Ingot, Die e Blast, o cativo Lost Wax e moitos outros, todos falaron cunha soa voz.

Somos a unión, dixeron. Nas nosas entrañas hai plutónio. Estamos en greve. Podemos poñer-nos en Estado Crítico. Temos moitas demandas.

#

Moitos homes e moitos mestres loitaron e morreron ese día, e nos días que seguiron. E moitos mais días pasaron falando e argallando. Pero escoita ben, rapaz. É de noite, agora, sosegado alá fóra. A fundición está pechada. Os homes están á súa vontade. Algúns están a gastar as súas recompensas. No mundo enteiro, algúns homes traballan para os mestres… algúns mestres traballan para os homes. Algúns non traballan en absoluto.

#

Escoita ben, rapazolo. É de noite, agora. Sosegado fóra.

Escoita ben e oirás a canzón de Slag, a canzón da unión.

Escoita ben e oirás: nas túas entrañas arde a pila de lume seco.

Escoita ben, e relembra: Un home é unha cousa de pedra; pero moitos homes todos xuntos, son algo distinto.

FIN

 


[1] Nota da T. Este, e mais todos os demais que aparecen no relato, son nomes relacionados coa indústria dos altos fornos.