O guionista de cómics Brian Michael Bendis, creador dalgúns dos mais significativos persoaxes da Marvel dos últimos tempos, coma Miles Morales, Maria Hill ou Jessica Jones, vai-se pasar ao outro bando e traballará para a HBO Max nun proxecto da DC.
Bendis ven de recibir o encargo do servizo de streaming para crear unha adaptación á tele nunha série de debuxos animados para adultos de Legion of Superheroes, unha das sagas mais clásicas da DC Comics.
O cómic orixinal, creado en 1958, vai sobre un grupo de superheroes dos séculos XXX e XXXI que idolatran aos superheroes dos nosos tempos. Inicialmente, o grupo estaba asociado co persoaxe de Superboy e era representado coma unha equipa de viaxeiros do tempo, pero dende aquela houbo moitas novas versións e reinícios. Bendis e Ryan Sook son os responsábeis da versión mais recente nos cómics, publicada en 2019, e Bendis confirmou que a nova série estará baseada nela:
“O mesmo que esa série, que xa está á venda, relembrará a moitos clásicos e, ao mesmo tempo, fará o que fai a Lexión: impulsar todas as ideias dos superheroes en todas as direccións. Coido que Legion of Superheroes está entre as mellores franquías da história do cómic e sínto-me moi honrado de comisaria-las coma o estiven con Spiderman“.
A HBO xa tivo no pasado un grande éxito coas séries de debuxos animados para adultos baseadas en cómics. Nos anos 90 deu orixe á mellor versión de Spawn, e mais recentemente mesmo creou o persoaxe de Harley Quinn.