Cinco xeitos de salvar a Terra accidentalmente da conquista alieníxena

503

Das once invasións alieníxenas que sufriu a Terra dende os anos 60, cinco delas foron evitadas non por solucións militares ou políticas, senón por cidadáns correntes que vivían a súa vida normal e casualmente derrotaron aos invasores. Isto significa que, cando o planeta sexa inevitabelmente invadido unha vez mais, existe a mesma posibilidade de que a vida na Terra sexa salvada por un cidadán normal e corrente no canto dun xeneral ou un presidente. Para aumentar as vosas posibilidades de ser esa figura accidentalmente heroica, analicemos esas ocasións anteriores para ver o que podedes aprender.

En 1968, o granxeiro Ted Rawlins estaba a deseñar un falso círculo no seu eido de millo cando a frota invasora K’Kyk chegou sobre Utah. Por coincidencia, o círculo de cultivo de Ted emulaba o selo dos Oolong, unha das razas mais temidas e poderosas da galáxia. Preocupados pola posibilidade de os ofenderen, os K’Kyk transmitiron as súas desculpas e retiraron-se decontado.

En 1976, o radioafeccionado e ufólogo Roger “Bunny” Bunnings reproducía fragmentos das emisións da frota K’Kyk. Cando a frota de invasión Wwwww entrou en órbita, Bunny estaba a reproducir casualmente o ultimato dos K’Kyk: “Rendéde-vos ou morrede!”. Dado que estiveran na beira enganada dunha rifa cos K’Kyk no pasado, os Wwwww decidiron que a discreción era a mellor parte do valor e marcharon.

En 1996, o artista Eric Pascale cubriu a Torre Eiffel con bandeiras de cor laranxa e augamariña. Para os Battat’th invasores, tratába-se do mesmo símbolo da praga mortal utilizado durante milénios polo seu grémio de médicos. Coa intención de evitar a contaminación, a frota Battat’th retirou-se da órbita terrestre e volveu entrar na atmosfera nun ángulo pronunciado para queimar calquera contaminación. Debido ao seu pánico, o 95% da súa frota queimou-se na reentrada. Os demorados afastáron-se coxeando e axiña perdéron-se de vista.

En 2002, a bailarina Elena Salvatore organizou un intento de récord mundial do meirande número de persoas bailando a Macarena simultaneamente. O baile garda unha notábel similitude coa danza de guerra dos Szlatatanikch, así que cando a súa frota de invasión inspeccionou a Terra antes de invadi-la e descubriu a dezasete millóns de persoas bailando simultaneamente, decidiron que subestimaran seriamente a capacidade militar do planeta e volveron a casa para reconsidera-lo.

En 2015, a estudante Marija Smith voaba un dron preto da súa casa cando a frota de invasión Sallalalam descendeu sobre a costa sul de Inglaterra. Por estraña coincidéncia, os seus sistemas de control entre naves funcionaban na mesma frecuéncia cós controis do dron. Toda a frota esnaquizou-se no Canal da Mancha. Os Sallalalam viven nun mundo ultra seco e os deseñadores das súas naves nunca previran a necesidade de face-las a proba de auga. As súas naves desintegraron-se axiña. Vários superviventes foron arrastrados á beira e agora viven unha vida acougada nunha vila costeira de Dorset.

O que podemos aprender destes breves relatos? A diferéncia cultural pode levar non só a malentendidos, senón a vitórias notábeis. Seguide a vivir a vosas vidas ordinárias e, quen sabe, se cadra a próxima vez tamén salvedes accidentalmente á Terra da conquista alieníxena.

FIN