Cumberbatch e Anderson adaptan a Roald Dahl

1003

Benedict Cumberbatch protagonizará o vindeiro filme de Wes Anderson, unha adaptación ao cinema do conto The Wonderful Story of Henry Sugar, orixinal de Roald Dahl, e que está a producir a Netflix.

O conto é un dos sete que compoñen a escolma The Wonderful Story of Henry Sugar and Six More, publicada en 1977, e que se supón que está dirixida a un público mais adulto do que é o habitual nas obras de Dahl.

A história vai sobre Henry, un home rico e afeccionado ao xogo que descubre o informe dun médico sobre un paciente da Índia que aprendeu unha técnica para ver a través e ao redor dos obxectos. Henry intenta dominar este arte abondo coma para poder facer trampas no xogo antes de se converter nun filántropo que crea orfanatos, mesmo cando os criminosos o perseguen por ficar cos seus cartos.

A película seguirá o ronsel de Asteroid City, a comédia que Anderson rodou en España o pasado outono e que está protagonizada por actores da talla de Tom Hanks, Margot Robbie e Scarlett Johansson. Tamén segue á adquisición por parte da Netflix da emblemática compañía de contos de Roald Dahl en setembro do pasado ano.