Seica os dous vindeiros proxectos baseados na franquía de Battlestar Galactica, unha película e mais unha série de televisión, serán parte dunha andaina común.
Aló por 2019 sóubo-se que estaba en desenvolvemento unha nova série baseada na popular franquía de ciéncia-ficción, que se emitiría polo servizo de streaming da Peacock e que contaba con Sam Esmail (Mr. Robot) coma showrunner e produtor.
Porén dende aquel anúncio as cousas non avanzaron moito, á parte dun episódio piloto que seica está a se producir. E mentres tanto chegaron as novas dunha adaptación ao cinema, que levaba aínda mais tempo proxectada, e que contaba co realizador Simon Kinberg coma guionista e produtor, xunto a Dylan Clark.
Agora, nunha recente entrevista, Kinberg ven de confirmar que o proxecto do filme está aínda vivo e que xa conta cunha segunda versión do guión, xa rematada:
“Estamos á procura de directores e agardamos atopar ún e comezar a preparar o filme este ano. É unha película enorme e a preparación será moi longa, así que imaxino que mesmo se contratamos a un director hoxe, tardariamos entre seis e nove meses en preparar a película axeitadamente. Así que, coma moi cedo, estariamos a rodar a finais deste ano. Probabelmente estariamos a rodar a comezos do ano que ven“.
Asemade confirmou que tanto o filme coma a série de televisión están moito mais vencelladas do que até agora se soubera:
“En canto á situación con Sam e a série, non podo dicir moito ao respecto, á parte de que hai sinérxia entre as dúas empresas e unha comunicación constante entre nós. Achegámo-nos e pasámo-lo moi ben xuntos e haberá, a falta dunha frase mellor e demasiado usada, un universo compartido“.
Finalmente, respecto da posibilidade de que haxa tamén un vencello co reinício da saga na aclamada série de Ron Moore dos anos 2000 na canle Syfy, Kinberg dixo: “Hai conexións, pero certamente non é só unha continuación ou un remake da obra mestra de Ron Moore“.