Fallout atopa ao seu director

95

A adaptación para a tele que a Amazon está a planear da franquía de videoxogos Fallout ven de se facer cunha equipa creativa: Geneva Robertson-Dworet (Captain Marvel, Tomb Raider) e Graham Wagner (Star Trek: Short Treks) serán os showrunners e produtores executivos, mentres que Jonathan Nolan dirixirá o episódio piloto.

Nolan e Lisa Joy, quen xa traballaran conxuntamente en Westworld, foran anunciados coma produtores executivos do proxecto cando se deu a coñecer no pasado mes de xullo. A súa compañía, o selo Kilter, xunto aos produtores do xogo, a Bethesda Game Studios e a Bethesda Softworks, participan na série coa Amazon Studios e mais a Lionsgate.

A história ten lugar nun escenário post-apocalíptico e retro-futurista a mediados do século XXIII, décadas despois de que rematara unha guerra nuclear global, e os seus protagonistas son un grupo de habitantes dun refúxio obrigados a se adentrar nun páramo desolado e cheo de resíduos radiactivos e atoparen equipamento para reparar a súa cámara acoirazada.

A saga de videoxogos conta con numerosas entregas, que foron premiadas e moi ben recibidas pola crítica dende a súa primeira aparición en 1997. O contrato para a série de televisión ten unha cláusula de penalización no caso de non se producir, polo que é moi probábel que saia adiante.