Os actores ingleses Ralph Fiennes, Dev Patel e Ben Kingsley son as novas incorporacións ao elenco que dará vida aos protagonistas de The Wonderful Story of Henry Sugar, o novo proxecto que o director Wes Anderson rodará para a Netflix, adaptando o conto homónimo de Roald Dahl.
O devandito trío úne-se deste xeito a Benedict Cumberbatch, quen terá o papel principal desta película, a primeira anunciada dende que a Netflix adquiriu os dereitos sobre a obra de Roald Dahl o pasado mes de setembro.
Segundo as últimas novas, agárda-se agora que o proxecto estea composto por vários mini-filmes, ao xeito doutra película de Anderson, The French Dispatch. A produción comezará a semana que ven en Londres.
Anderson xa realizara con anterioridade outra adaptación dun conto de Dahl, e con non pouco éxito, porque o seu filme de debuxos animados Fantastic Mr. Fox recibiu unha nominación aos Oscars de 2010.