A Netflix fará o anime de Scott Pilgrim

406

A Netflix e a UCP (Chucky, The Umbrella Academy) volverán traballar nun proxecto conxunto e desenvolverán unha série de anime que adapte para a tele a série de novelas gráficas Scott Pilgrim orixinal do guionista e debuxante canadiano Bryan Lee O’Malley.

A obra orixinal, na que se mesturan acción, fantasía e comédia romántica, vai sobre un lacazán, quen xunto aos seus amigos teñen unha banda de garaxe chamada Sex Bob-omb. A súa vida dá un tombo cando atopa a Ramona Flowers, unha rapaza americana que está solteira dende hai pouco, pero para poder estar con ela primeiro deberá derrotar aos seus sete ex-mozos.

Ó cómic foi adaptado a un filme con acción real en 2010, que dirixiu Edgar Wright e que protagonizaron Michael Cera, Mary Elizabeth Winstead, Kieran Culkin, Anna Kendrick, Brie Larson, Chris Evans e Brandon Routh. A Ubisoft lanzou ademais hai pouco tempo un remáster do videoxogo que acompañou daquela ao filme.

O’Malley será o guionista e produtor executivo xunto a BenDavid Grabinski (Are You Afraid of the Dark?) e ambos serán ademais os showrunners da série, caso de saír adiante o proxecto. Moitos dos responsábeis do filme de 2010 participan novamente neste plan coma produtores executivos, entre eles Wright, Nira Park, Michael Bacall, Marc Platt, Jared LeBoff e Adam Seigel.

A empresa de anime xaponesa Science SARU (Shin-chan, Japan Sinks 2020) fornecerá a animación, e o catalán Abel Góngora será o director.