Allison Janney, a gañadora do Oscar á mellor actriz secundária de 2018, ven de asinar o contrato polo que se une ao elenco da vindeira película de ciéncia-ficción da New Regency, True Love. Aínda que polo de agora non se deu a coñecer moito do argumento, e só que o seu guionista e director será Gareth Edwards (Rogue One: A Star Wars Story), sábe-se que terá lugar nun futuro próximo.
Ademais de Janney, no elenco tamén figuran xa os nomes de John David Washington (Tenet), Gemma Chan (Eternals), Danny McBride (Alien: Covenant) e Benedict Wong (Shang-Chi and the Legend of the Ten Rings). A ex-vicepresidenta de desenvolvemento da Lucasfilm Ltd., Kiri Hart, será a produtora xunto a Edwards. A New Regency produce e fináncia o proxecto.
Aínda que Janney conta cunha carreira longa e prestixiosa, está será a súa primeira incursión a salientar no xénero fantástico, se non incluímos unha breve aparición na non moi exitosa Miss Peregrine’s Home for Peculiar Children e outra na série de televisión Aliens in the Family. Ademais, participou no elenco de voces de filmes de debuxos animados coma Finding Nemo, Minions e The Addams Family.