A NBC quere unha secuela de Salto no Tempo

1008

A NBC ven de lle dar a luz verde á rodaxe do episódio piloto dunha secuela da súa clásica série Quantum Leap, na que o protagonista orixinal, Scott Bakula (Sam Beckett) estaría posíbelmente vencellado, se ben polo de agora non hai nada asegurado a este respecto.

Segundo a sinopse oficial do episódio piloto da secuela, “pasaron 30 anos dende que o doutor Sam Beckett (Bakula) entrou no acelerador cuántico e desapareceu. Agora ven de se formar unha nova equipa para recomezar o proxecto coa esperanza de entender os mistérios após da máquina e o home que a creou“.

A série orixinal era unha aventura de ciéncia-ficción, tamén protagonizada polo recentemente finado Dean Stockwell, que se emitiu dende 1989 a 1993 e gañou seis prémios Emmy e dous Globos de Ouro. A TVG emitiu-na en Galiza baixo o título de Salto no Tempo.

Bakula xa deixara caír no pasado mes de setembro que houbera conversas sobre un posíbel regreso da série, e daquela dixo: “Agora mesmo hai conversas moi importantes ao respecto. Non sei o que sería. Non sei quen o tería. Os dereitos foran unha lea durante anos. Non sei se xa están resoltos. Esa foi sempre a meirande complicación“.

O creador Don Bellisario será o produtor executivo do piloto da secuela e Steven Lilien e Bryan Wynbrandt (Gotham) serán os showrunners. Deborah Pratt e Martin Gero serán tamén produtores executivos. O proxecto conta coa produción da Universal Television.