Os nenos de sangue e óso, á Paramount

650

A Paramount Pictures ven de gañar a poxa para se facer cos dereitos da triloxía de novelas supervendas para adolescentes Children of Blood and Bone, orixinal da escritora nixeriano-americana Tomi Adeyemi.

Adeyemi adaptará, escribirá o guión e será a produtora executiva dunha longametraxe para a pantalla grande e a estrear nas salas de cinema, que os estudos queren comezar a desenvolver decontado. Wyck Godfrey, Karen Rosenfelt e Marty Bowen serán os seus produtores.

Os libros, o terceiro dos cales aparecerá publicado en 2023, narran as aventuras da heroína Zelie Adebola. Ela intenta restaurar a máxia no reino de Orïsha, no que a clase dirixente eliminou de xeito brutal aos practicantes da máxia (os maji), entre os cales se atopa a mesma Zelie. A crítica, que en xeral recibiu moi ben os libros, destaca como estes examinan a opresión, o racismo e a escravitude, cos kosidán e os maji coma substitutos de grupos do mundo real.