Pattinson, o sétimo Mickey

585

Robert Pattinson, a estrela do filme The Batman (que non veremos nas nosas pantallas até o 4 de marzo), está a manter conversas para protagonizar o vindeiro filme de Bong Joon Ho, o galardoado director coreano de Parasite e The Host.

Bong sería o guionista, produtor e director dunha longametraxe que polo de agora aínda non ten título pero que estaría baseada na novela non publicada Mickey7, do autor Edward Ashton, para a Warner Bros. Pictures, a Offscreen, a Kate Street Picture Company e mais a Plan B.

A obra, que aparecerá nos andéis das librarías ao longo do primeiro cuadrimestre deste ano, narra as aventuras de Mickey, un empregado desbotábel nunha expedición humana enviada para colonizar o mundo conxelado de Niflheim. Foi seleccionado porque de morrer, xeraría-se un novo corpo coa meirande parte das súas lembranzas intactas. Pero após de seis mortes, Mickey comeza a se decatar dos termos do seu contrato.

O proxecto será a segunda colaboración de Bong coa WarnerMedia após dunha minisérie baseada en Parasite na HBO que aínda está en desenvolvemento.