Este vindeiro mes de abril, o guionista Kenny Porter e mais o debuxante Ricardo López Ortiz combinarán os mundos do cinema e mais do cómic en The Flash: The Fastest Man Alive, unha minisérie de tres números mensuais que servirá coma precuela de The Flash, a agardada longametraxe da Warner Bros. Pictures que chegará aos cinemas o 4 de novembro.
En The Flash: The Fastest Man Alive, a aventura de Barry Allen para salvar o mundo coa axuda da Liga da Xustiza levará ao fillo predilecto de Central City a se converter nun superheroe realmente hábil e inspirador. Pero cando unha nova ameaza co nome de Girder xurde na cidade, Barry recorre a Batman para que o aconselle sobre o adestramento necesário para dominar os seus poderes. Baixo a titoría do Cabaleiro Escuro, o home vivo mais rápido do mundo terá que atopar o xeito de derrotar a esta ameaza metálica ou ser esnaquizado pola forza de Girder.
O primeiro número, de 48 páxinas, chegará aos andéis das librarías e mais aos comércios dixitáis o xoves 26 de abril. A colección completa, cos tres números xuntos, estará dispoñíbel a partir de outubro. O número 1 contará cunha capa de Max Fiumara e mais unha variante do director do filme The Flash, Andy Muschietti. A capa do número 2, dispoñíbel en maio, está debuxada por Juan Ferreyra, mentres que Jason Howard fornecerá a capa do número final, en xullo.